29/3/11


PORTOS DE GALICIA PRESENTA O PROXECTO PARA A CONSTRUCIÓN DUN PARQUIN SUBTERRÁNEO EN PONTEDEUME

Contará inicialmente con 110 prazas, coa posibilidade de amplialas no futuro

Portos de Galicia sacará proximamente a licitación a construción dun aparcadoiro subterráneo nas instalacións portuarias de Pontedeume. Así o anunciou o día 21 de Marzo o presidente do ente público, José Manuel Álvarez-Campana, na súa visita a zona para presentar os proxectos do seu departamento nesta localidade.

O dirixente autonómico explicou a proposta de Portos, que pasa pola oferta de dúas posibles ubicacións, en sendas parcelas cuxa rendibilidade como aparcadoiro foi estudada, cun resultado positivo. En calquera dos dous casos, a superficie aproximada da obra será duns 3.000 metros cadrados e o número de prazas, entorno a 110. Os terreos están situados no entorno do instituto Fragas de Eume e o hotel Eumesa.

Esta actuación virá a dar resposta á demanda de bolsas de aparcadoiro dos usuarios do porto, pero tamén prestará servizo ao global da cidadanía. O orzamento estimado é de 1,5 millóns, pero a inversión de Portos de Galicia podería rondar en total os 2 millóns de euros, dado que o ente público encargarase tamén da urbanización do entorno.

Álvarez-Campana presentou tamén o proxecto de reordenación dos pantaláns profesionais e deportivos. O obxectivo é delimitar espazos específicos para a terceira e a sétima lista. Para elo, crearase un pantalán para pescadores, con 22 prazas para embarcacións de 6 metros de eslora. Asimesmo instalarase outro para a flota náutico recreativa. Contará con 122 prazas distribuidas en 76 para esloras de 6 metros; 21, para esloras de 8 metros; e 15, para esloras de 10 metros. O orzamento desta actuación estímase en 1,3 millóns de euros.

Finalmente, na súa visita a Pontedeume, o presidente de Portos de Galicia comprobou tamén o avance das obras de construción do edificio de deportes náuticos, no que o ente público está a investir 750.000 euros. Esta dotación mellorará as condicións de actividade dos usuarios das instalacións náutico recreativas e en concreto do Clube Firrete