7/4/10
Aclaracións do PPdeG sobre o Caso Gürtel.
A actual dirección do PPdeG non ten nada que ver coa trama Gürtel, e tanto o PSOE coma o BNG tratan de importar a Galicia de forma totalmente interesada un asunto que non nos incumbe porque non saben como desgastar a Feijóo e ao partido que os apartou do poder.
Os únicos casos de financiamento irregular de partidos en Galicia teñen a súa orixe no bipartito.
Exemplos claros son:
A trama da axente electoral, que salpica ao PSOE galego. Os socialistas pagaron con fondos públicos desprazamentos e soldos de polo menos unha persoa cuxa labor foi solicitar votos en Arxentina para o PSOE nas municipais de 2007; un caso que está nos Xulgados e que xa ten a un alcalde do PSOE imputado. O proceso segue aberto.
E as sospeitas que se cernen sobre os beneficios que o BNG lle concedeu a empresas amigas cando estaba na Xunta. Trátase de compañías relacionadas mercantilmente coa que organizou a campaña do BNG nas autonómicas, o cal demostra indicios de financiamento ilegal claros.
O PPdeG quere que se aclaren os feitos referidos á trama Gürtel e a todo o que poida atacar a dignidade dos políticos porque a idea de que todos son iguais é falsa.
Os actores desta trama están moi afastados da directiva do PPdeG. É máis, o principal imputado, Pablo Crespo, é unha persoa cuxas prácticas o levaron a ser apartado de cargos de responsabilidade no partido hai máis de 11 anos e desde hai seis, antes de que Feijóo chegase á Presidencia do PPdeG, nin sequera é militante de base.
Ademais, trala marcha de Pablo Crespo en 1999, o entón presidente do partido, Manuel Fraga, ordenou unha auditoría exhaustiva das contas do PPdeG, polo que os asuntos de tipo escuro, de existir nalgún momento, acabaron coa marcha de Crespo.
Queremos luz e taquígrafos: as nosas contas están fiscalizadas polo Tribunal de Contas e os nosos gastos electorais, polo Consello de Contas. Non hai problema nin irregularidade algunha, ao revés. Máxima transparencia.
Crespo foi conselleiro de Portos de Galicia cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial pero foi nomeado de forma previa á súa chegada, por tanto antes de que o actual presidente do PPdeG asumise o seu cargo. Crespo, que nin acudía ás reunións nin formaba parte activa dese consello, non foi seleccionado por Feijóo en ningún momento.
Os que están cómodos co rumor, a insidia, as medias verdades e as medias mentiras son os socialistas; nós queremos unha aclaración canto antes.
Queremos un xuízo, unha sentenza e a conclusión deste proceso no momento oportuno. E, por suposto, queremos tamén que os que cometan irregularidades, as paguen.
En todo caso, leccións de ética dos herdeiros de Filesa non aceptamos ningunha.