23/4/10
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas administracións que ten como obxectivo a mellora e o acondicionamento dunha parte da zona portuaria de Pontedeume
Trátase dunha obra complementaria aos traballos de ordenación da fachada marítima que está a executar a Consellería do Mar, co fin de mellorar os accesos para os usuarios e a operatividade e seguridade do porto
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, colaborará co Concello de Pontedeume na execución dunha parte das obras de ordenación da fachada marítima, concretamente no acondicionamento e mellora dunha rúa de acceso á zona portuaria. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas Administracións que ten como finalidade a urbanización dunha parte da zona portuaria de Pontedeume, de xeito que ademais de dotar ao porto duns acabados acordes cos dun contorno urbano como no que se atopa, se melloren os accesos e servizos.
Esta obra vén complementar os traballos de ordenación da fachada marítima de Pontedeume que se adxudicaron no ano 2007 e se atopan actualmente en execución. Polo tanto, as obras, aparte da mellora dos accesos e da adecuación do tránsito e acceso público á zona portuaria, supoñen tamén un efecto positivo para o contorno urbano inmediato ao porto, revertendo positivamente tanto no ente público, como no Concello de Pontedeume.
O importe deste convenio é de 390.000 euros que se veñen engadir aos 2.942.000 euros do custe do proxecto total de urbanización e remodelación da zona portuaria de Pontedeume. Con esta actuación Portos de Galicia quere misturar os portos coas vilas que os acollen mellorando e integrándoas instalacións portuarias e os seus servizos, mellorando as fachadas marítimas e creando zonas de traballo e esparexamento, conseguindo así unha maior calidade de vida para os cidadáns.