Feijóo “os 16.000 grandes dependentes cobrarán a totalidade das axudas da lei da dependencia antes de rematar o ano”

22/2/09



Feijóo anunciou hoxe en Vilagarcia que os 16.000 grandes dependentes cobrarán a totailidade das axudas da lei de dependencia antes de rematar o ano.

“Nos primeiros 120 días desde a miña toma de posesión os grandes dependentes cobrarán o 50% das axudas da lei da dependencia”, afirmou Feijóo, empeñado en superar o desencanto xeneralizado provocado polo bipartito ao atascar a aplicación da lei da dependencia.

REDUCIR OS PRAZOS DE TRAMITACIÓN DAS AXUDAS


Con todo, non foi este o único anuncio do candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta. Anunciu que o seu Goberno reducirá á cuarta parte os prazos para resolver as prestacións económicas que soliciten as persoas dependentes. “Acabáronse as esperas interminables as tramitacións eternas”, avanzou Feijóo, convencido de que é posible simplificar e acelerar os trámites cun procedemento áxil e efectivo.

O terceiro dos compromisos de Feijóo pasa porque todos os dependentes perciban puntualmente a prestación á que teñan dereito, evitando as demoras inxustificadas ás que se ven abocados milleiros de galegos neste momento.

NIN UN EURO EN PUBLICIDADE DA DEPENDENCIA
O PPdeG marcará distancias co bipartito e asume o compromiso de non gastar un só euro en publicidade da dependencia, porque “destinaremos integramente todos eses cartos á mellora das prestacións e dos servizos”.

A maiores, Feijóo subliñou que a mellora das infraestructuras e dos servizos para a atención aos dependentes terá prioridade na vindeira lexislatura. A tal efecto, sinalou que o Executivo do PPdeG apostará por unha rede de atención primaria á dependencia, de ámbito municipal, e que ofrecerá asistencia a domicilio, teleasistencia, alimentación e centros de día. O obxectivo pasa por dotar de, polo menos, un centro de día a cada concello de máis de 1.500 habitantes.

Tamén se creará unha rede de atención especializada de residencias (cada comarca contará, como mínimo, cunha residencia de maiores) e de centros especializdos de referencia para toda a Comunidade Atónoma, tanto par enfermos de Alzheimer, como para persoas con discapacidades psíquicas.

Estas medidas enmarcaranse nunha estratexia de maior coordinación entre os recursos sociais e sanitarios, que integrarán unha rede socosanitaria da que formarán parte hoteis de pacientes, centros de día medicalizados, residencias de dependentes medicalizadas e centros e unidades de coidados paliativos.

FRUSTRACIÓN E DESENGANO


O candidato popular definou a lei da dependencia como “unha boa idea, pero moi mal xestionada”, que en Galicia, co bipartito, se converteu na “Lei da decepción, da frustración e dos desenganos” para os 91.000 dependentes galegos. Destes, 45.793 persoas teñen dereito ás prestacións da Lei da dependencia, pero só 2.501 están a percibir a axuda do coidador, 1.013 a axuda vinculada ao servizo e 20 a prestación por asistente persoal. Estimacións recentes sinalan tamén que 4.500 persoas faleceron antes de cobrar as axudas ás que tiñan dereito.